Translate

Presentación

Historia da revista
A Festa da palabra silenciada é unha revista de cultura, producida por Feministas Independentes Galegas e dirixida por María Xosé Queizán, que sae á luz no ano 1983 co propósito de sacar da escuridade a escrita feminina e as teorías feministas vixentes nese momento. Ata o ano 1998 foi elaborada integramente por mulleres, desde o deseño e maquetación, a realización, as colaboracións e o material gráfico.
O seu contido foise ampliando desde o seu comezo ata a actualidade, reflectindo, por un lado, unha panorámica do pensamento feminista, sobre moi diversos aspectos da realidade, e por outro, explorando desde unha óptica aberta e crítica a literatura do noso país, incidindo na autoría feminina. A nómina de colaboradoras (máis de 200), revela o labor de estímulo que a Festa supuxo para as numerosas estudiosas do tema, así como o vigoroso impulso da literatura feita por mulleres, asunto sen precedentes no estado español.
Esta defensa incondicional da escrita feminina interrómpese no número 14, coincidindo tamén coa entrada de participación masculina na revista, ao considerar que xa se estaba cumprindo a nosa aspiración de que as escritoras deste país puideran gozar de máis espacio nos circuítos normais de difusión.
Outra característica da Festa é o seu pluralismo cultural e lingüístico. Nas páxinas da revista teñen acceso as escritoras doutras comunidades españolas: catalanas, vascas, asturianas, etc., pero tamén están representadas autoras portuguesas, francesas, italianas, canadianas, chicanas, etc. As creacións son publicadas en idioma orixinal e en galego, na procura dunha correcta comunicación. Deste xeito, a FPS, asume o compromiso de difundir por todo o mundo a lingua e a cultura galegas, dando a coñecer nos seus exemplares, estudios inéditos ata o momento. Desde o ano 1983, saen os seguintes Monográficos, dedicados ás precursoras da literatura feminista Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
Máis adiante a escritoras máis recentes como Francisca Herrera Garrido e Xohana Torres, Pura e Dora Vázquez e María Mariño. Outra serie de títulos xiran en torno a aspectos de interese social e político como Medios de Comunicación, no que se analiza a imaxe da muller nos Media; Nenas, que fai unha incursión na literatura infantil e no que participan as propias protagonistas; O Erotismo, que indaga na transformación da muller en suxeito erótico; Colonialismo e sexismo, onde se enfoca a discriminación sexual como unha manifestación parella á xenofobia; O desafío de Antígona, A razón de fin de século, que parte dun balance sobre os avances sociais resultantes do racionalismo feminista.
Outros monográficos estudian aspectos culturais e artísticos como: as últimas tendencias na plástica con As novísimas pintoras Galegas; a análise do panorama poético feminino, no I Encontro de poetas peninsulares e das Illas de Vigo; e Arquitectura e urbanismo, onde se afonda na distribución e interpretación xenérica dos espacios.
O número 16, Unha festa poética, recolle unha antoloxía de estudos e creación poéticadestes 18 anos da publicación
O número 17, Abolición! está dedicado á prostitución, unha das manifestacións máis acuciantes da violencia de xénero.
A Festa da Palabra silenciada convoca desde abril do 2003, en combinación co Concello de Vigo, o Premio de Investigación "Festa da Palabra". No monográfico 18 publícase o traballo premiado no ano 2003, "As mulleres de La Artística".
O Monográfico 19 abriu as portas á cultura xitana, O Rromipén, en todas as súas manifestacións: música, lingua, fotografía e ao seu inconformismo vital.
A ciencia como aliada,  monográfico nº 20, indaga sobre a vinculación entre os avances científicos e o despegue do movemento de liberación das mulleres.
Monográfico 21: María Mariño, a poeta a quen se lle dedica o Día das letras galegas 2007.
Monográfico 22: Os feministas, pensadores, creadores, ilustrados, referentes clave para a revolución feminista.
      Últimos números da FESTA:
Monográfico 23: Violencia
Monográfico 24: O verbo patriarcal
     Monográfico 25: 25 anos de cultura feminista (2010)
A voluntaria creadora do blog pide paciencia; en breve subiremos novos contidos da Festa, porque a páxina web que os albergaba foi "descolgada" por un proveedor integrista. De momento rescato algún enlace activo, dos primeiros tempos de existencia internáutica:


Publicación de Feministas galegas, claves dunha revolución en marcha


http://www.xerais.es/cgigeneral/newFichaProducto.pl?obrcod=2392809&id_sello_editorial_web=13&id_sello_VisualizarDatos=13
A voluntaria creadora do blog pide paciencia; en breve subiremos novos contidos da Festa, porque a páxina web que os albergaba foi "descolgada" por un proveedor integrista. De momento rescato algún enlace activo, dos primeiros tempos de existencia internáutica:


Presentación da Festa da palabra silenciada 25